A SÚA SEDE NA CORUÑA ACOLLE DO 26 AO 30 DE XULLO UN TALLER DE COMPOSICIÓN COREOGRÁFICA E CINCO CLASES MAXISTRAIS DE DANZA CLÁSICA, PUNTAS E REPERTORIO
[06/07/2011] O Centro Coreográfico Galego (CCG) desenvolve no mes de xullo unha oferta formativa que inclúe tres encontros de danza clásica e contemporánea dirixidos a profesionais do sector e estudantes de nivel medio-alto. Dúas destas citas terán lugar na sede da unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) na Coruña, que entre os días 26 e 30 acollerá un taller de composición coreográfica a cargo do profesor valenciano Toni Aparisi e cinco clases maxistrais de danza clásica, puntas e repertorio coa galega Paula de Castro e o francés Hervé Ilari (na imaxe), primeiros bailaríns do Ballet da Ópera de Niza.