Programa 'Artistas en Residencia'
Artistas en Residencia é un programa da AGADIC xestionado polo Centro Coreográfico Galego e o Centro Dramático Galego que ten como finalidade apoiar a artistas ou colectivos artísticos que desexen desenvolver un proxecto de investigación ou de creación nos ámbitos do teatro, escrita teatral, circo, danza, e outras artes do movemento e a artistas que, dende outras disciplinas artísticas, traballen coa danza, o teatro, o circo ou as artes do movemento como referencia.
O programa ARTISTAS EN RESIDENCIA pretende ofrecer aos artistas recursos infraestruturais, técnicos e humanos para desenvolver unha actividade de investigación ou de creación artística provocando o intercambio entre artistas e entre disciplinas artísticas.
Con este obxectivo, apoiaranse un máximo de 16 proxectos por ano, que disporán de:
- Unha dotación económica de entre 1.000 e 5.000 euros.
- Un acompañamento na produción.
- Apoio técnico (cos medios dos que dispoña o espazo de traballo).
- Acompañamento artístico.
- Posibilidade de presentación das propostas.
A convocatoria publicarase nas páxinas web de AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), CCG (Centro Coreográfico Galego) e CDG (Centro Dramático Galego); e nela especificaranse os requisitos e prazos de solicitude do programa Artistas en Residencia.